Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

30 ene 2011

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz: Moito máis ca un conto...


Xa son moitos anos promovendo a celebración do Día Escolar pola Paz en Galicia. Desde finais dos anos ’70 e principios dos ’80, algúns profesores e profesoras, uns acá e outros acolá, como diría Manuel María, viñamos seguindo a iniciativa do DENYP, Día Escolar da NonViolencia e a Paz, e do inspector de educación mallorquino, Jorenç Vidal, de levar a colexios e institutos a mensaxe e o pensamento pacifista, na data en que conmemoramos o aniversario da morte de Mahatma Gandhi.
Daquela, a simple proposta de realizar actividades de centro e de aula, nesa data, rozaba a provocación. Para uns era unha forma de promover o amansamento, para outros unha ocorrencia, os mais, indiferenza absoluta. Sen embargo, moi poucos anos despois, a Educación para a Paz convertíase nun eixe transversal obrigatorio do currículum (1990) e, desde aquela, a difusión da iniciativa, unha constante. Tanto, que hoxe xa case que é unha rutina. A maioría dos colexios e institutos galegos teñen o Día Escolar pola Paz no seu Plan de Centro, figura como unha data fixa no calendario, e as suxestións do Seminario Galego de Educación para a Paz, son seguidas e consultadas por moitos profesores e profesoras, mesmo temos unha materia, Cidadanía e Dereitos Humanos, que acolle os principais contidos do movemento de educadoras e de educadores para a paz.

Nun anuncio que están emitindo varias televisións en Galicia, con motivo do noso 25 aniversario, insístese en que a paz non pode ser, simplemente, un conto de pombas e globos, flor dun día, un acto tranquilizador das nosas conciencias, unha festa para os cativos. O 30 de Xaneiro, a efeméride pacifista por excelencia, xunto co 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, teñen que ser datas para recordar, para recordarnos, que non vivimos no mellor dos mundos posibles, que somos uns privilexiados, pois nacemos nos barrios ricos do planeta, que necesitamos fomentar a empatía e a solidariedade, cada día e todos os días, que non existe paz sen xustiza, a xustipaz, e que a paz, empeza por un mesmo, por unha mesma, facendo as paces, primeiro con nós mesmos, e logo cos demais. E todo iso non pode reducirse ó 30 de Xaneiro.

Federico Mayor Zaragoza afirma que “A expresión suprema de cultura é o comportamento cotiá”, son os nosos comportamentos e actitudes, a nosa conduta, cada día e todos os días, as que permitirán (ou non) construír cultura de paz, a paz como cultura da palabra, do diálogo, da concordia, fronte da imposición, o dominio e a forza.
 Facer as paces, substituír a cultura da violencia pola cultura do entendemento, da man tendida, non se reduce a educar para a paz, para os dereitos humanos e para a democracia, o que xa é moito, en si mesmo, senón que ten que ver, tamén, coa superación da exclusión e a pobreza (Obxectivos incumpridos do Milenio), co diálogo intercultural e interrelixioso (Alianza de Civilizacións fronte do choque de ignorancias) e resolución pacífica dos conflitos, para consolidar e prever a paz (Convivencia Escolar).

 O 2011 ven de declararse como Ano Europeo do Voluntariado. Por iso, en tantos colexios e institutos estamos falando nestas datas desas persoas extraordinarias, anónimas, que non saen con frecuencia nos telexornais, e que deciden doar gratuitamente o seu tempo á causa da paz e da solidariedade. Son moitas, de toda condición, mozos e mozas, persoas xubiladas, profesionais... convencidas de que poden e deben aportar o seu grao de area á axuda humanitaria. Porque iso é, precisamente, convivir, compartir, partir con, en especial cos que máis o necesitan, aquí ou lonxe, nos barrios empobrecidos de calquera lugar porque, como di a Carta da Terra, somos unha única familia humana.

Dicía María Zambrano: “A paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa

A aprendizaxe da democracia é a mellor pedagoxía da paz. E na cartografía dos afectos e dos sentimentos, esa que deseñamos nas familias, en calquera modelo de familia existente, sobre a base do cariño e do amor, alí está o secreto mellor gardado para a prevención das violencias, porque son os afectos e os sentimentos, os seus mellores antídotos.
 O Día Escolar pola Paz é importante, mais a paz, como dixemos, ten que ser moito máis ca un conto –efémero- de pombas e globos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario