Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

9 feb 2011

Algo máis sobre veos e gorras: o caso de Arteixo...

O asunto dos veos nas escolas é, sen lugar a dúbidas, un tema complexo. Préstase para facer moitas lecturas, nalgúns casos, contraditorias, tamén para a demagoxia. Coloca ós centros educativos no centro da polémica ó ter que ser eles, en cada caso, os que ditaminen e decidan, pois son os Consellos Escolares, órganos de xestión e participación, os que resolven. A Consellería, pola súa parte, con competencias plenas en educación, inhíbese. Mesmo no Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, amplamente rexeitado no Consello Escolar de Galicia, a Consellería de Educación declina toda responsabilidade, sobre estes asuntos conflitivos, nos colexios e institutos.
 No caso da nena de 11 anos do colexio novo de Arteixo que asiste ás clases con veo, a actitude do propio Conselleiro, Jesús Vázquez, foi paradigmática, pasarlle a pelota ó Consello Escolar do centro, é un asunto interno, afirmou.
 En Arteixo, cunha comunidade musulmá significativa, existen varios centros escolares. O único que ten regulamentada a prohibición de cubrirse a cabeza nas aulas é o citado. Os demais non contemplan tal actuación en relación co veo.
 Non deixa de ser sorprendente que, nun mesmo municipio, os criterios en relación co veo islámico, varíen notablemente. De tal maneira que a decisión que baralla a Administración Educativa (neste caso non se inhibe) é trasladala de colexio. Esta decisión, cualificada de “salomónica” polos medios de comunicación, pode traer moitos máis problemas que o que pretende resolver. Efectivamente, a mellor maneira de derivar á poboación escolar musulmá cara outros centros é ter aprobado un Regulamento excluínte. Probablemente, sen tardanza, os outros colexios sigan o exemplo do Novo e aproben regulamentos similares.
 Non estamos facendo unha reflexión sobre a laicidade, nin sequera sobre os dereitos das persoas, sobre a non confesionalidade do Estado ou sobre a discriminación da muller. Poderiamos facelo. Sen embargo, nesta ocasión, trátase de salvagardar o dereito supremo á educación e á escolaridade dunha nena de 11 anos, no centro que escolleu a súa familia. Tempo haberá para que, si traballamos realmente o que dicimos defender, a educación para a igualdade, a nena, cando queira e poda, decida.
 Mentres tanto, alguén debería dicirlle ó Consello Escolar do Colexio Novo de Arteixo que os Regulamentos de Réxime Interno non poden estar por riba de leis superiores, como a da liberdade relixiosa, a Constitución ou o Estatuto, nin servir para a exclusión, nin sequera para a selección indirecta do alumnado.
 E a Consellería debería estar para algo máis que para trasladar á nena de centro.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario