Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

16 feb 2011

A paz como cultura: fontes e recursos dunha pedagoxía para a paz

   HOXE, Xoves, estarei na Librería Nós, de A Coruña, para presentar este libro. Será ás 19:00 horas. Un libro "A paz como cultura: fontes e recursos dunha pedagoxía para paz", publicado en castelán pola Editorial Milenio, que é un pedido reiterado da Fundación Cultura de Paz e do seu Presidente, Federico Mayor Zaragoza que, ademais, regaloume un fermoso Prólogo que nunca saberei compensar como corresponde, unha mostra máis de cariño e da xenerosidade que atesoura.
   É o primeiro de dous tomos. O segundo sairá para o mes de Outubro.
   Neste volume tratei de facer unha aproximación histórica ós referentes documentais máis relevantes que influiron na aprobación, en 1999, da Declaración e o Programa de Acción sobre unha Cultura de Paz da Asamblea Xeral das Nacións Unidas, a proposta da UNESCO e do seu Director Xeral, daquela, o profesor Mayor.


   O libro abrese cun pensamento clave de Mayor Zaragoza, que está presente en toda a obra, "A expresión suprema de cultura é o comportamento cotiá", ahí está o segredo da paz como cultura, a idea de que son os nosos comportamentos, as nosas condutas, as nosas actitudes e valores, os mellores instrumentos para construír as paces, así, en plural, porque fan o concepto paz como moito máis comprensible, máis dinámico, máis plural, fagamos as paces, di a expresión popular. Como tamén resulta mellor falar das violencias, porque existen moitos tipos, tal e como recolle Johan Galtung desde mediados dos anos '60, a violencia directa, a estrutural, e a cultural, así como a simbólica, e as novas miradas sobre as violencias máis específicas: de xénero, escolar, laboral...
   O segundo tomo terá un carácter moito máis pedagóxico, máis didáctico, e tamén moito máis práctico. Será un compendio da miña propia experiencia nestes últimos 26 anos e a do Seminario Galego de Educación para a Paz en canto a obxectivos, contidos, metodoloxías, actividades, xogos e dinámicas de aula.
   Analizo algunhas das declaracións e documentos que a mín máis me influiron á hora de sustentar teoricamente o modelo de educación para a paz que defendemos, desde o propio nacemento do Sistema das Nacións Unidas e as Cartas Fundacionais da ONU e da UNESCO, textos magníficos que recollen as aspiracións e os desexos do mellor da intelectualidade do momento arrepiada polo que viña de acontecer coa IIGM. Resalto, como non podía ser doutro xeito, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. Non deixo de referirme ó Programa Mulleres e Cultura de Paz ou o primeiro Manual sobre Cultura de Paz publicado polo Padre Felipe McGregor no Perú de 1986, e fago referencias a documentos imprescindibles como son a Declaración de Yamoussoucro (1989) ou o Manifesto de Sevilla sobre a violencia (1986), aquel que reitera que a guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas.
   Detéñome no libro "La nueva página" do profesor Mayor, porque alí está, penso, o pensamento e as liñas principais do seu discurso en relación coa Cultura da Paz, por exemplo, cando afirma que "a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz" . Paz, educación, pedagoxía, acción, cultura, velas ahí as grandes preocupacións de Federico Mayor.
   O capítulo II do libro céntrase no estudio e a reflexión sobre a propia Declaración de 1999, sobre unha cultura de paz e o seu programa de acción anexo, nove artigos e un plan detalladísimos de actuacións que convén reler de cando en ven para buscar inspiración.
   O capítulo III analiza os froitos da Declaración, que son moitos e as súas influencias en moi diversos ámbitos: político, lexislativo, académico e social, para destacar que, aínda que non o pareza, porque non se visibiliza mediaticamente, a cultura da paz avanza no mundo. Podemos ver a súa pegada na Carta da Terra, nos Obxectivos do Milenio, na Alianza das Civilizacións, ou na lexislación, na lei catalá de fomento da cultura da paz de 2003, na española de fomento da educación e a cultura da paz ou na lei galega que, previsiblemente, aprobará o Parlamento Galego neste ano.
   No currículum escolar, na nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos ou nos Plans de Mellora da Convivencia Escolar e nos Observatorios da Convivencia.
   Na política, nos Estatutos de Autonomía reformados dalgunhas CC.AA. (Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña).
   En novas Constitucións como a de Bolivia.
   Nas Universidades coa creación de cátedras, institutos de investigacións, teses, maestrías...
   Ou nos movementos sociais, no Foro 2010, no FSM ou no FME.
   Porque, efectivamente, a paz é, cada vez máis, unha cultura...



No hay comentarios:

Publicar un comentario