Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

16 may 2011

Cita pola paz e a convivencia en Iruña

Conchita Corera, directora da Cátedra UNESCO de Paz, convivencia y pluralismo de la UPNA

   Sempre resulta moi agradable visitar Pamplona (Iruña), no corazón do Camiño de Santiago, máis aínda para participar nun Encontro sobre "Paz, Conflitos e Convivencia", organizado pola Cátedra UNESCO de Paz, Convivencia e Pluralismo da Universidade Pública de Navarra, coordinada por Conchita Corera, e co valor engadido de facelo nun momento excepcional para Euskalerría, aquel que parece indicar que o final definitivo da violencia de ETA está máis perto que nunca.

   Non hai entusiasmo, como noutras ocasións. Persiste certa desconfianza. Sen embargo, todas as opinións contrastadas nestes días coinciden en sinalar que entramos nunha etapa completamente nova, e a legalización de Bildu, por sentenza do Tribunal Constitucional, non fai máis que reforzar esa sensación de que as armas, por fín, calarán para sempre.

   O Encontro na UPNA (Universidade Pública de Navarra), do que podedes ver todas as intervencións en: http://upnatv.unavarra.es/es/todos_unes ou no facebook, tivo unha enorme calidade. Foron moitas e moi interesantes as opinións manifestadas ó longo dos tres días que durou o evento. Si tivera que seleccionar aquelas que, para mín, foron as máis relevantes, diría, sen dúbida, as que protagonizaron Jonan Fernández, director de Baketik (Centro pola Paz de Arántzazu), cunha proposta sobre os presupostos para a reconciliación e a convivencia, magnífica, moi coidada e concreta, texto resultado, ademais, dun amplo debate e consensuada por 25 personalidades de pensamentos ben distintos, desde Ibarretxe a Margarita Robles, por citar tan só a dous dos participantes.

   O xornalista Josep Ramoneda, que nos ten acostumados a análises moi acertados no País ou na Ser, falou, entre outros aspectos, do totalitarismo da indiferencia, das tres perniciosas ces ás que nos están relegando os poderes financieiros: competitivos, consumistas e contribuintes.

   Kristian Herbolszheimer e Jordi Urgell, expertos en mediación de conflitos, analizaron moi polo miúdo as características dos distintos procesos de saída negociada a enfrontamentos armados en distintos lugares do mundo e en relación co caso vasco, distinguindo moi ben entre o final das violencias (en plural) e a construcción da paz, da convivencia e a reconciliación.

   Carlos Taibo, coa brillantez que o caracteriza explicou, con detalle, a súa teoría do decrecemento e Manuel Reyes Mate, puxo voz ás vítimas da violencia.

   Pero o momento máis emotivo, sen dúbida algunha, o puxeron as tres vítimas de tres violencias moi distintas, que coincidiron nunha mesma mesa, concretamente, Iñaki García Arrizabalaga, Isabel Casanova e Edurne Brouard, víctimas dos Comandos Autónomos Anticapitalistas (escisión de ETA), do 11M en Madrid (terrorismo global) e dos GAL (terrorismo de Estado), respectivamente.

      Os tres relatos, marcados pola traxedia irreparable da morte violenta dun pai, no caso de Iñaki e Edurne, ou do fillo e do marido, no caso de Isabel, fixeron tragar saliva ós asistentes. Os tres coincidiron en distinguir o perdón (voluntario, individual, persoal), do recoñecemento social da verdade, da xustiza e da reparación como bases da reconciliación, proceso que vai para longo, afirmaron.

    En calquera caso, Euskadi, Navarra, España enteira, están abrindo camiños de esperanza, non sen dificultades, mais decididamente cara unha paz definitiva. E nese proceso tamén, a sociedade civil, vai moi por diante dos partidos políticos.

  

No hay comentarios:

Publicar un comentario