Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

10 may 2011

UNHA PEDAGOXÍA PARA A PAZ



Non estou no mundo para adaptarme a él, sen máis,
senón para transformalo
Paulo Freire

        Cando falamos dunha pedagoxía para a paz estamos a referirnos, obviamente, a unha pedagoxía alternativa, alonxada de modelos e prácticas tradicionalistas, aquelas que, en esencia, reproducen o sistema vixente.
        Paulo Freire, veño de recordalo moi activamente en Sáo Paulo, falaba dunha pedagoxía, dunha educación, liberadora, desde unha perspectiva humanista e progresista, transformadora, para superar o modelo tradicional baseado no medo e no silencio, no individualismo, o que o mestre brasileiro chamaba tamén unha “educación bancaria” un concepto que hoxe sona, aínda, peor.
        Por eso o diálogo ten tanta importancia na educación para a paz, o diálogo como metodoloxía, non só como ferramenta imprescindible para abordar os conflitos senón como principio, entre docentes, e co alumnado, para intercambiar experiencias, coñecementos e apoiarse mutuamente, porque nos educamos xuntos. O diálogo como mecanismo fundamental para prever e afrontar os conflitos de convivencia (compartir vivencias xuntos), para darlle unha saída positiva, por iso falamos tanto de solución dialogada dos conflitos.
        O pensamento crítico, a capacidade de poñer en cuestión, a dúbida, as preguntas para atopar respostas, a pedagoxía da pregunta que xa estaba en Sócrates, como un aspecto central de calquera proxecto pedagóxico alternativo, para fuxir do autoritarismo e da domesticación.
        Porque efectivamente, sabémolo ben, a educación pode ser domesticadora, reproductora, pero tamén, como dicía Freire, pode abrir portas, liberar. Educar para reproducir a inxustiza e a dominación non pode ser unha fatalidade pedagóxica.
Domesticar e adoutrinar están en contradicción directa co diálogo e co debate, moi diferente da polémica e da crispación, do insulto e o menosprezo do outro. O diálogo esixe escoita activa, reflexión, para chegar a acordos e superar positivamente as diverxencias.
A pedagoxía para a paz non se limita a trasmitir coñecementos racionais sobre os dereitos humanos, a democracia, os valores cívicos, as virtudes cidadás, nin o fai por medio de discursos ou sermóns. Os contidos sen acción, sen participación, sen o protagonismo individual e colectivo, conducen á pasividade, ó egoísmo, á vanidade, que non axudan, precisamente, ó cambio e á tranformación social. Todo o contrario, levan á aceptar resignadamente o mundo tal cual é, como se non houbese alternativa algunha. E temos que reiteralo, outro mundo é posible.
Un proxecto de pedagoxía liberadora ten moi presente a formación cidadá, os valores cívicos e democráticos, a xustiza, o respeto, a solidariedade, a liberdade, a democracia, construída dentro da propia escola, a tolerancia, a interculturalidade, a protección do medio natural (estar en paz co medio).
Non é suficiente con falar e falar, xa que o alumnado, como os fillos e as fillas, aprende dos comportamentos que observan, por iso ten tanta importancia a coherencia (evitar contradiccións entre o que facemos e o que dicimos) como o exemplo, a pedagoxía do exemplo, procurando a autonomía. O dicía María MontessoriSi axudas a un neno máis do que o necesita, estás impedindo que medre”.
E non quero deixar de mencionar a autoridade, ese máxico equilibrio entre liberdade e autoridade que temos que atopar, como pais e nais, como educadores, para non caer no autoritarismo nin na superprotección e o colegueo, ambos perniciosos. Esa “auctoritas” da que falaban os gregos é un arte, non deriva da imposición nen do cargo, senón que temos que gañala, cada día e tódos os días, co exemplo, coa dedicación, co esforzo e a preocupación, con cariño, cos afectos e os sentimentos, coa tenrura, individual e colectivamente, por medio do traballo cooperativo, con xogos e dinámicas de aula, con amor polo noso traballo, apelando ás emocións, estimulando ó alumnado pola vida e polo saber.
E agora que falamos tanto da indignación, desde que Stéphane,  Hessel, cos seus 94 anos, redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, ven de recordalo de maneira tan elocuente, recuperando o panfleto como xénero literario, debemos falar tamén dunha pedagoxía da indignación diante das atrocidades que coñecemos, porque nunha pedagoxía para a paz non ten cabida o conformismo, nin o fatalismo, nin a pasividade, senón todo o contrario, a participación, a democracia, o pensamento libre, fronte da sumisión, con esperanza e con paciencia, moita paciencia.

       

No hay comentarios:

Publicar un comentario