Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

28 jun 2011

GALICIA HOXE É MENOS GALICIA

 

   Parecera como que Galicia está en proceso de "deconstrucción permanente", alomenos, a Galicia propia, aquela que se sinte orgullosa de seu, a que se manifesta na nosa lingua, a que se reivindica cada día e todos os días. Trátase dunha deconstrucción inducida, deliberada, firme e constante, tamén nos medios de comunicación que usan o galego como a súa lingua natural. A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira... vense afogados pola progresiva retirada de axudas públicas mentres que outras cabeceiras, unilingues practicamente en castelán, acaparan millóns da Xunta de Galicia converténdose, de facto, no seu mellor voceiro, léase La Voz do seu amo.

   Caetano Díaz, o director de Galicia Hoxe, fala con absoluta claridade na derradeira edición do diario. Martes, 28 de Xuño, último día do periódico logo de 17 anos na rúa: "Houbo quen quixo matar a sangue frío a GH e esa persoa é Núñez Feijóo". Pero aínda vai máis aló. Caetano Díaz, con enorme valentía e coraxe afirma: "O que hai que dicir en Galicia é o que ao señor Feijóo lle interesa". Durísima acusación que interpela directamente ó presidente da Xunta e á súa política en relación cos medios de comunicación e á liberdade de expresión, moi minguada, no noso país.

   A verdade é que xa quedan moi poucos espazos onde escribir en galego, cada día menos. Moito máis difícil se fai se un ten unha perspectiva crítica. Esta é unha das cuestións cruciais sobre as que debe reflexionar a esquerda e o galeguismo. As posibilidades de construír proxectos políticos propios, poderosos e influíntes, transformadores, superadores do autoodio, resultan imposibles sen medios de comunicación propios. Non temos mais que mirar para Cataluña ou Euskadi. Alí, as institucións de autogoberno, axudan e promoven fundamentalmente a quen usa o catalán ou o vasco a diario. Alá tamén contan con forzas políticas propias identificadas coas súas respectivas nacións.

   Temos que preguntarnos, con Suso de Toro, sobre que fixemos mal. Render contas con nós mesmos, co noso propio pasado, para entender esta desafección crecente de Galicia, da nosa lingua e cultura, daquelo que nos singulariza no mundo. Porque o que acontece agora con Galicia Hoxe non é máis que un síntoma dun problema moito maior, o de que o noso propio país vaise, esfúmase a marchas forzadas, deconstrúese, camiña cara a autodisolución, e pode converterse, en pouco tempo, nun "aire" de Galicia, un pobo en vías de extinción, reducido a un pequeno cenáculo, unha tribu, lonxe, moi lonxe, das maiorías sociais.

   Reverter este proceso, recuperar a ilusión, afirmar o noso, valoralo, fuxir do  victimismo, está nas nosas mans. Temos que construír máis pontes e menos balados, espazos comúns, complicidades, pensar no BenComún.

   O Sábado, 2 de Xullo, ás 16:30 en Xornalismo, en Compostela, podería ser un gran día para comezar a pular polo ben común.

   Eu farei todo o que poda. ¿E ti?

No hay comentarios:

Publicar un comentario