Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

31 ene 2012

Un día escolar pola paz magnífico...





   Pasou o 30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz. E como dicimos en Galicia, pasou o día, pasou a romaría... pero non está de máis, lembralo.
   Temos que empezar por recoñecer que a idea dos Paraugas pola Paz foi excelente. Seguida con entusiasmo por moitos colexios e escolas infantís, nas aulas de plástica, especialmente, decoráronse centos deles. Tanto no acto que celebramos pola mañá na Casa de Rosalía de Castro, en Padrón, como pola tarde, no Auditorio da Cidade da Cultura, o traballo dos cativos e cativas, coas súas profes, foi magnífico. Tivemos ocasión de velo e de recoñecelo cos aplausos dun público entregado, pais e nais, sobre todo.




   Na Casa de Rosalía, nenos e nenas moi pequenos, de tres, catro e cinco anos,  acompañados polo seu profesorado, colocaron os seus paraugas, grandes, pequenos, cheos de cor, ó pé da Casa Museo, unha foto de familia, fantástica. No Salón de Actos poemas, cancións, representacións, das unitarias, do IES Camilo José Cela, do Xelmírez II de Santiago, da Asociación Ambar de Riveira. Un acto fermoso como poucos co patrocinio da Fundación Rosalía de Castro, coa súa presidenta á fronte, Helena Villar Janeiro, coa testemuña da concellala de educación, os medios, as teles, e as cámaras de fotos a todo gas...o paseo pola Horta da Paz un final estupendo para unha mañá soleada que acompañou.


   Pola tarde, o Auditorio da Cidade da Cultura vestiuse de cor e paraugas, nos accesos, no escenario, dos colexios de Vite II, López Ferreiro e Fontiñas, de alegría infantil, ó escoitar ó alumnado do IES Antón Fraguas tocar e cantar na apertura musical. O espazo cheo a rebentar, pais e nais, sobre todo, cámaras e flaxes, o concellal de educación, Angel Currás, a deputada Carme Adán e o deputado, Xaquín Fernández Leiceaga, profesorado, voluntariado...


   E foron subindo ó escenario, nenos e nenas, cos seus paraugas, con poemas, con peticións, con obriñas de teatro, e falamos, en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz, do concello, e chegou o momento de Paúl Ríos, entrañable, humilde, modesto, como corresponde a un home de paz, clarificador, falou de Euskadi, agradeceu o Premio, dos amigos do Seminario Galego de Educación para a Paz, explicou o seu papel, sen protagonismos, facilitando, favorecendo, animando... a reconciliación, o acordo, a consulta, o diálogo, a forza da palabra, da persuasión, o insistencialismo.
   E clausurou Xoan Curiel, coa súa música, cos nenos e nenas facendo coros, un día fantástico para facer a paz de todos os días, grazas a todas e todos, parabéns.
   

No hay comentarios:

Publicar un comentario