Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

10 ene 2014

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia.

   


  

 O vindeiro 30 de Xaneiro, nesta ocasión, Xoves, conmemoraremos, un ano máis, nos colexios e institutos, o DÍA ESCOLAR POLA PAZ E A NONVIOLENCIA (DENIP), no 66 Aniversario da morte de Mahatma Gandhi, unha personalidade aínda moi descoñecida para a maioría da poboación occidental, particularmente, as bases fundamentais do seu pensamento e da súa vida política e persoal. É certo que, polo menos, unha vez no ano, aproveitamos para falarlle ó noso alumnado sobre este home miúdo, protagonista principal da independencia da India da coroa británica, da súa morte violenta en 1948, ou da doutrina da desobediencia civil pacífica. Mesmo de que inspirou a outros grandes líderes internacionais como Martin Luther King ou Nelson Mandela, recentemente falecido.

   Non son moitas as obras publicadas desde Galicia e en galego sobre o apóstolo da nonviolencia. Unha das poucas a fixo o noso compañeiro e colega Lois Trigo co título "Gandhi, vida, obra e pensamento" publicada en 1998 pola Editorial Toxosoutos, moi completa, un fondo achegamento vivencial á práctica política, á ahimsa jainista e ó discurso pacifista de Mohandas.

   Gandhi nunca recibiu o Premio Nobel da Paz, a pesares de que fora proposto como candidato ata en cinco ocasións, entre 1937 e 1948. Neste caso o Comité Nobel recoñeceu publicamente o seu grande erro, aínda que o fixera con retraso e non o concedera a título póstumo.

   Son moitos os pensamentos de Gandhi popularizados. Probablemente a idea de que "Non hai camiños para a paz, a paz é o camiño" é a máis recoñecida. Sen embargo ten outras reflexións ben exemplificadoras para alumnas e alumnos, por exemplo, aquela que fai referencia a que "A violencia é o medo ós ideais dos demais". Tamén compre lembrar a crítica demoledora da lei do talión: "Ollo por ollo e remataremos todos cegos". Ou aquela apelación directa a cada un de nós:  "Si queres cambialo mundo, empeza por cambiarte a ti mesmo"

   A min persoalmente hai un pensamento de Mahatma, en relación co demo e a maldade, que tentei ter sempre moi presente: "Os únicos demos que existen son aqueles que aniñan dentro do noso propio corazón". 

   E unha reflexión que tardei en comprender, o recoñezo, foi cando Gandhi afirmaba que "O que acadas con violencia, serache arrebatado cunha violencia aínda maior".

   Por último, nesta breve escolma de pensamentos, quixera citar aquel que di: "Aínda máis atroz que a xente mala é o silencio das persoas boas".

   O Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, cada 30 de Xaneiro, ten que servir non só para traer ó presente o exemplo de vida de homes e mulleres como Gandhi, referentes imprescindibles do pacifismo e dos dereitos civís, da desobediencia das leis inxustas, da ahimsa, ou nonviolencia, senón tamén para motivar o tratamento transversal da educación e a cultura da paz, os xogos e as dinámicas de aula, os recursos didácticos novos, e os contidos propios dunha materia como a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, tan necesaria!, na que abordemos o ensino e a aprendizaxe dos valores cívicos e democráticos, as virtudes cívicas comúns, non a moral privada de ninguén, nin os principios confesionais de crenzas particulares, máis ou menos adoutrinadores, a mellora da convivencia escolar, a solución pacífica dos conflitos, a tolerancia, a solidariedade, a xustiza.

   Vivimos tempos complexos, moi violentos, especialmente derivados dunha violencia estrutural moi cruel, opaca, sutil, pero brutal para coas persoas do común, consecuencia de políticas inxustas que levan a fame, a miseria, a desigualdade, á maioría da poboación, en particular, á máis indefensa, a nenos e nenas, anciáns e persoas enfermas, moitas que nunca antes recorreran á asistencia social nin ós comedores das organizacións humanitarias ou ós bancos de alimentos e que agora buscan axuda onde poden. E isto acontece mentres que os máis ricos defraudan, teñen as súas fortunas a bo recado en paraísos fiscais ou incrementan, escandalosamente, os seus beneficios, aumentando así a desigualdade e a inxustiza. Desta violencia estrutural tamén debemos falar no Día Escolar pola Paz e non-violencia. E buscar solucións, individuais e colectivas, pacíficas e nonviolentas, como mellor homenaxe a Gandhi e a todas as grandes figuras históricas do pacifismo, as máis coñecidas e tamén ás anónimas, a aquelas que están ó noso carón e que poucas veces recoñecemos.

   Na páxina web do Seminario Galego de Educación para a Paz, www.sgep.org, atoparedes máis suxestións para mellor conmemorar o aniversario da morte de Mahatma Gandhi, en especial, queremos recomendar a magnífica proposta didáctica feita desde a Fundació per la Pau, sobre o armamento nuclear, co título de NON MÁIS RISCOS! PROHIBAMOS AS ARMAS NUCLEARES!. 


   Feliz Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, feliz 30 de Xaneiro.

   

   




No hay comentarios:

Publicar un comentario